dimecres, 11 de desembre del 2013

O Proxecto Galauda inicia un novo curso

Neste curso académico 2013-2014, o Col·legi El Casal de Castellar del Vallès continuará a ofertar a materia de lingua galega, dentro das horas lectivas, para o alumnado de 1º da ESO, grazas ao entusiasmo e o esforzo da profesora Alicia Rus. Ao longo do curso pasado, o alumnado deste centro puido gozar de numerosas actividades, complementarias ás clases, ao redor da cultura e as tradicións galegas: celebrouse a festividade do Magosto e a do Samaín, cantáronse panxoliñas de Nadal no concerto do colexio, etc. Ademais, ao final de curso, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a rapazada de Galauda puido viaxar a Galicia, o cal, entre outras cousas, permitiu realizar o intercambio educativo co Colexio PP. Franciscanos de Lugo.

No curso 2013-2014 o proxecto Galauda confórmase como unha actividade formativa anual do Departament d'Ensenyament dirixida ao profesorado do proxecto e aberta tamén ao novo profesorado interesado dende a súa materia na creación de pequenas unidades didácticas en lingua galega que poden ser diseñadas desde ámbitos diversos (linguas, sociais, cultura, tecnoloxías etc.). Nesta nova liña, participa o INS Margarida Xirgu de l'Hospitalet de Llobregat, que é membro do proxecto dende o 2003, froito da constancia da profesora Charo Teixeiro. Neste curso, coa colaboración da profesora Yolanda Gallego, ofrecerase un conxunto de actividades baixo o título Novos Camiños Xacobeos para o alumnado de 1º de Bacharelato, que permitirá abordar diversos aspectos culturais galegos relacionados coa interculturalidade que caracteriza o propio alumnado deste instituto. É o primeiro ano que o Proxecto Galauda acolle alumnado de bacharelato.
 
Ademais do labor diario do profesorado e do alumnado, neste ano académico, realizaranse diversas actividades pensadas para pór en práctica a lingua máis alá das aulas. Entre outras, está previsto continuar coas viaxes anuais a Galicia, participar no concurso literario Contos do Mediterráneo e no Saló del Còmic de Barcelona co fanzine O Catalizador. Poderanse seguir todas estas actividades através do noso blog e da nosa web. Agardamos o voso interese!

A comunidade educativa catalá pode coñecer o noso proxecto a través a páxina do xtec.

Cap comentari:

Publica un comentari a l'entrada